David Villa

Oboe

É asistente de principal na Sinfónica de Galicia desde o 16 de Febreiro de 2009.

Inicia os seus estudos musicais á idade de 7 anos con Ferran Torrens na Escola de Música de Caldes de Montbui e posteriormente nos conservatorios de Barcelona e Manresa. En 2003 comeza os estudos de Grao Superior en MUSIKENE, Centro Superior de Música do País Vasco con Juan Manuel Lumbreras, grao que completa en 2007 coa cualificación de Sobresaliente. Para completar os estudos, trasládase a Berlin para estudar na Hochschule für Musik “ Hanns Eisler” con Dominik Wollenweber de 2007 a 2009.

Como solista tocou coa Orquestra Camerata de Potsdam, en Eberswalde, Alemaña, xunto a Miriam Olga Pastor Burgos, tamén nos festivais de música contemporánea de Odessa ( Ukrania) e Astrakhan ( Russia) a interpretar o concerto para corno inglés de Wladimir Rosinskij e “ Risus ed Aqua: Fluvius Conscientia 1”, composición para EWI ( Electronic Wind Instrument) e electrónica en vivo, e co TAC (Taller Atlántico Contemporáneo) interpreta baixo a dirección de Diego Masson o Primeiro Concerto para oboe de David do Porto. Así mesmo, actuou xunto a Hansjorg Schellenberger, Klaus Thunemann e Radovan Vlatkovic e baixo a dirección de Victor Pablo Pérez, Pablo González, Josep Pons, Jesús López Cobos, Carlo Rizzi, Hansjorg Schellenberger, Alberto Zedda, Patrik Davin, Jakub Hrusa, Vladimir Aschkenazy ou Lutz Köhler entre outros.

Formou parte da Orquestra das Escolas de Música de Cataluña, Nova Orquestra Nacional de España, Junge Sinfonie Berlin e reserva da Gustav Mahler Jugendorchester. Ademais, colaborou con orquestras como a Sinfónica de Euskadi, Sinfónica de Bilbao, Sinfónica do Vallés, a Orquestra da Mocidade Venezolana Simón Bolívar e a Orquestra de Cadaqués coas que tocou en España, Francia, Inglaterra, Escocia, Alemaña, Estados Unidos ou Venezuela.

A súa actividade camerística deu como froito en 2007 o segundo premio no Concurso de Música de Cámara Higini Anglès, de Reus, co Mladì Ensemble e o primeiro premio e premio especial do público no Norman Cooper Internacional Chamber Music Award 2007, en Aberdeen, Escocia, co JONDE Wind Ensemble.

Como profesor participou en encontros da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e da JONC Aleví (Jove Orquestra Nacional de Catalunya). Realizou distintas gravacións entre outras coa Sinfónica de Musikene, a Nova Orquestra Nacional de España, a Sinfónica de Galicia, o Ensemble de ventos de Musikene, con quen gravou a Serenata en Se bemol maior, Kv 361 “Gran Partita” como primeiro oboe.